A calzada a Lámbrica


Dende a ribeira do Miño a Lámbrica



Entre a ribeira do Miño, onde está a aldea de Barbantes-Estación, e a citania de Lámbrica existen tramos visibles dunha calzada antiga, posiblemente romana, aínda que nada impide que esta ruta fose utilizada antes do século II antes de Xesucristo.
 
A primeira publicación sobre esta calzada foi feita en 1924 por LÓPEZ CUEVILLAS no "Boletín da Real Academia Galega", número 164, 
páxinas 201 a 206:

"Iste camiño, ancho de mais d'un metro, e cuya antigüidade loubáronme moito as gentes do país, ten duas particularidás dinas de seren notadas: o estar en case que tod'a sua extensión estrado de lajas de pedra de grá, y-o morrer ô pé mesmo d'A Cidade".


A proliferación de pistas forestais, as repoboacións e as devasas, feitas con maquinaria pesada, destruíron treitos enteiros desta xoia da comunicación, que enlaza nada menos que unha das citanias mellor conservadas de Galiza coa ribeira do maior río galego, o  Miño, que conecta coa costa atlántica e que sabemos que hai dous mil anos era navegable.

Ao sur da aldea de Ourantes aínda se poden ver treitos da antiga ruta ou camiño utilizado polos romanos, pero seguramente de tradición anterior, que unía a través das ladeiras do Monte do Santrocado a citania de Lámbrica coa ribeira do Miño, onde habería un porto fluvial situado nos arredores da Barca de Barbantes e non lonxe do xacemento mineiro destruído pola autovía A-52 en 1997.

No lugar da Barca, agora chamada Barbantes-Estación, aínda se utilizaba, non hai moitos anos, unha barca para cruzar o río, o que fai necesaria a existencia dun porto ou embarcadoiro. Na Antigüidade o río Miño era navegable ata estes lugares. Sabémolo por ESTRABÓN, que nos di que o río Bainis ou Miño era navegable 800 estadios, que equivalen a uns 144 quilómetros, dende a súa desembocadura en Camposancos. Podemos supor entón que o devandito embarcadoiro, ou algún situado nas súas cercanías, tivo que ser utilizado naquela época, tendo en conta a grande magnitude (máis de 9 hectáreas) da citania que se atopa a só 3600 metros da Barca, Lámbrica.

No percorrido ata Lámbrica, partindo do lugar de Barbantes-Estación, atopamos microtopónimos tan fermosos como: O Camiño da Costa, A Costa dos Cucos, A Vesada, O Conchouso, Ourantes (cun monumental peto de ánimas ó lado do camiño), O Valado e Os Agros. Remata a ruta na porta leste da gran muralla máis exterior de Lámbrica, onde a calzada segue ascendendo polo castro.

Lámbrica, o tan nomeado castro de San Cibrao das Las (tamén de Ourantes), está nunha extensa e rica zona mineira que chega ata lugares do Carballiño e do Irixo, con manifestacións de minas antigas tan sobresaíntes como as do Puzo do Lago ou as de Loureiro. É lóxico pensar que houbo exportación dos minerais obtidos ou dos metais elaborados, e elo só sería posible a través de rutas fluviais que enlazaran cos circuitos comerciais atlánticos, dos que hai abondosas sospeitas que implican a gregos, fenicios, púnicos e, finalmente, romanos. Estrabón tamén nos di que na desembocadura do Bainis había unha illa con dous peiraos, o que suxire unha intensa actividade comercial nun lugar de unión de vías fluviais e marítimas.

A saída occidental da citania de Lámbrica sinala cara as terras do Carballiño, iniciando unha máis que posible ruta que levaría ás minas do Puzo do Lago, pasando por Cristimil, Figueiroa e Santa Comba do Treboedo. Unha prolongación desta ruta levaría ás minas de Loureiro e Lobás, entre O Carballiño e O Irixo.

A vía fluvial do Miño e a calzada que discorre polo monte poden facer que entendamos mellor a función do castro do Santrocado

A disposición estratéxica e Lámbrica, nun outeiro con suficiente visibilidade e a medio camiño entre a ribeira do río Miño e as zonas mineiras das serras entre O Carballiño e O Irixo, fan pensar nunha civitas que exercería o control económico sobre ese amplo territorio, con comunicación directa cara o océano Atlántico pola ruta fluvial do río Miño. 

Descoñécense os intercambios que se realizaban, pero a existencia de grandes salinas na costa da Ghuarda pode facernos pensar que esta mercancía tería moitas posibilidades de ser consumida polos habitantes do interior, que poderían ofrecer, a cambio, as súas riquezas minerais estanníferas e auríferas, integrándoas así nos circuítos comerciais marítimos atlánticos e mediterráneos.

Os contactos a longo alcance explicarían a aparición nas escavacións de elementos foráneos como as doas de colar oculadas, de tradición púnica, ou certos tipos de cerámica. 

Fotogalería

O castro do coto do Santrocado

A vía fluvial do Miño e a calzada que discorre polo monte poden facer que entendamos mellor a función do castro do Santorcado.
A citania de Lámbrica e o castro do Coto do Santorcado tiveron, por forza, que ser simultáneos debido a súa cercanía e a súa complementariedade. Ademais...que citania deixaría discurrir unha calzada estratéxica polos dominios doutro castro, aínda que fose de menor entidade? A calzada que vai da Barca a Lámbrica pasa pola ladeira oriental do Santorcado.
Outras razóns que apoian a complementariedade poden ser as seguintes: 
  1. As defensas de Lámbrica polo lado sur non son suficientes, pois están nunha zona chaira e con nula visibilidade sobre o que acontece na ladeira oposta do Santorcado. Elo conleva que máis alá das inmediacións da muralla tiña que haber outros recursos defensivos para a poboación. Estes recursos non poden ser outros que a vixiancia permantente dende o alto do Santrocado e a defensa das abas meridionais dese monte, que caen directamente ó val do río Miño. A visibilidade do Santorcado cara o val do río Miño é espectacular, presenciando o tráfico fluvial que naquelas épocas transitaba o polo río. Dende o castro do Santrocado poden ollarse incluso tramos de río dende Trasariz a San Paio de Ventosela, onde actualmente está o embalse de Castrelo do Miño. A visibilidade privilexiada do Santrocado tamén serviría para controlar as rutas terrestres. 
  2. As abas meridionais do Santrocado teñen tramos de moi difícil acceso para eventuais atacantes, fáciles de defender. As actividades bélicas ocasionais de pouca magnitude apenas serían sentidas polos poboadores de Lámbrica, atarefados nas suas actividades cotiás. 
  3. Dende o Santorcado tamén se ve Lámbrica, polo que a poboación que había no castro podía ter puntual información de movementos agresivos que poideran xurdir no val do Miño, que non vían directamente.

A importancia estratéxica do Santorcado para a poboación de Lámbrica debeu ser suficiente para que non fose abandonado, se é que algún día estivo habitado antes que Lámbrica, pois era imprescindible para poder defender a parte sur desta última. A Cidade de Lámbrica estaba perfectamente situada para non ser visible dende o val do Miño, escondida para os viaxeiros que circulasen río arriba. Pero as vías fluviais eran as autovías da Antigüidade, e Lámbrica necesitaba estar comunicada co río Miño, o que conseguía a través da vía terrestre que a une coa ribeira na Barca, hoxe Barbantes-Estación.

Non se atoparon no Santrocado estruturas de habitación e de actividades tan sólidas como as de Lámbrica, aínda que si existe unha muralla que cerca un pequeno recinto. Elo non quere dicir máis que en Lámbrica estaría protexida a poboación que realizaba as súas actividades cotiás (xestión dos recursos mineiros e metálicos, fabricación de cerámica, traballo do liño), sen esquecernos dos recursos agropecuarios da contorna, permanecendo no Santrocado pequenos continxentes de vixías. 

A aparición de restos dun crisol con escoura de bronce e dunha punta de lanza de bronce con nervo central datadas a finais da Idade do Bronce fan que se considere como ocupado o castro do Santrocado entre o Bronce final e a Idade do Ferro inicial, particularmente entre os séculos VII e VI antes de Cristo.

As datacións que se manexan nas escavacións do castro de San Cibrao das Las e Ourantes (Lámbrica) non son anteriores ao século II a. de C. Pero é preciso facer as seguintes observacións:

  • Existe unha mámoa, cando menos, moi cerca da muralla sur, o que evidencia que por alí transitaron xentes da Idade do Bronce.
  • O apoxeo de Lámbrica debeu producirse a partir dese século II a. de C. por circunstancias relacionadas co comercio dos minerais, pero elo non impide que poidera haber poboación anterior. É moi posible que tales datas reflictan unha expansión do poboado, dadas as súas características uniformes, aproveitando para elo unha destrución anterior. Pero non se pode aceptar con seguridade que non tivese poboamento antes do século II.
  • En todas as grandes citanias do Noroeste existen datacións que falan, cando menos, dos séculos IV e V antes de Xesucristo.

A insuficiencia ou ausencia de auga sería un grave problema á hora de querer ubicar no Santrocado unha poboación abondosa como a que habitou Lámbrica. Esa pode ser unha razón de peso para o establecemento de Lámbrica. Pero o Santrocado, debido ás necesidades defensivas da citania, non puido ser totalmente abandonado.

Non se pode rematar o artigo sen unha chamada á restauración e a conservación da antiga vía terrestre entre os concellos de Cenlle e Punxín, utilizada tamén polos romanos e, posteriormente, como vía de comunicación rural cara a Barca de Barbantes e Ourense. Sen ela, e sen o pequeno castro do Santrocado, Lámbrica estará incompleta.


Fonte: blogoteca.com/lambrica (5-8-2011)


Imaxe aérea dende o Oeste. Mostra a cercanía e a relación de Lámbrica con outros castros e co río Miño. Dende o val, a citania é invisible, pero sitúase a moi pouca distancia, salvada pola calzada que percorre a ladeira oriental do Santrocado. O Santrocado é o punto central, máxima altitude e vixía do territorio da contorna, incluído o val do Miño. No Castelo de Laias estudáronse restos de antigos traballos mineiros e dun posible templo.



Bibliografía

FARIÑA BUSTO, F. e XUSTO RODRÍGUEZ, M.: "Coto do Santrocado (San Amaro - Punxín) en Arqueoloxía-Informes 2. Campaña 1988. Xunta de Galicia.
GALLEGO DOMÍNGUEZ, O.: As barcas e os barcos de pasaxe da provincia de Ourense. Anexo 24 do Boletín Auriense. Deputación Provincial de Ourense, 1999.
ALONSO ROMERO, F.: "Sobre los orígenes de los antiguos puertos del noroeste peninsular" en Lucerna. Segunda serie, vol. II. Páx. 135. Centro de Estudos Humanísticos. Porto. 1987.
LÓPEZ CUEVILLAS, F.: "A Citania do monte `A Cidade´ en San Ciprián das Las". Boletín da Real Academia Galega. Número 164. Pp. 201 a 206. A Coruña, 1924-1925.


F. González Iglesias. Febreiro de 2019  - maio de 2021. Todos os dereitos reservados
Creado con Webnode
¡Crea tu página web gratis! Esta página web fue creada con Webnode. Crea tu propia web gratis hoy mismo! Comenzar